Imaginarium presenta unha cámara para poñer na bicicleta ou nun papaventos

martes, 24 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Imaginarium presentou estes días un novo aparello de seu para “desenvolver o pensamento creativo e construtivo” da rapazada, en palabras da empresa. Trátase da videocámara My Action Camera, unha achega tecnolóxica de reducido tamaña para rexistrar a través dela o día a día do neno, os seus xogos e as súas actividades de lecer con outros neno. O trebello en cuestión é especialmente axeitado para emprazar no cinto, na mochila, nun papaventos ou nunha bicicleta. Ou sexa: que se poderá dispoñer onde se lles ocorra aos usuarios, coa gran vantaxe da resistencia do aparello ás posíbeis caídas ou impactos.
Esta webcam achega dúas horas de gravación continua e permite a carga de enerxía a través de USB. A capacidade máxima de almacenamento é de oito xigas, aínda que de querermos chegar a este punto, deberemos mercar unha tarxeta de memoria (que, ollo, non vén incluída co trebello). A resolución é de dous megapíxeles. Inclúe software (CD), manual de uso, funda de silicona, soporte e fitas para fixala a un bo número de superficies. O prezo é de 49,95 euros. Non está recomendado o seu uso entre cativos de menos de sete anos.

PUBLICIDADE