Ideum presenta unha pantalla táctil 3D de 65 polgadas

martes, 17 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

En non poucas películas e series de televisión podemos ver enormes pantallas táctiles que impresionan de xeito doado á audiencia, e un destes trebellos chegará ao mercado da man de Ideum, compañía que anuncia a súa pantalla MT65 Presenter, que cunha diagonal de 65 polgadas presenta unha imaxe de 1.920 x 1.080 píxeles compatible con lentes 3D pasivas e pode detectar ata 32 puntos táctiles de xeito simultáneo.
Amais, a pantalla integra un ordenador con procesador de 4 núcleos, 8 Gb de RAM, 256 Gb de memoria sólida, gráfica GeForce GTX 460 e sistema operativo Windows 7 Professional de 64 bits (terá versión con Linux en marzo). Tamén conta con Wi-Fi, Bluetooth, Ethernet, altofalantes estéreos, webcam de alta definición con óptica Carl Zeiss e entrada, saída HDMI e un resistente marco de aluminio.
Temos así unha excelente solución para a realización de presentacións públicas, que tamén sería ideal para moitos centros educativos se non fose polo seu prezo de venda ao público, que aínda é bastante elevado, xa que parte de 17.450 dólares (13.698 euros).

PUBLICIDADE