ISMS Forum Spain presenta o martes o seu capítulo galego a prol da ciberseguridade

venres, 15 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A entidade ISMS Forum Spain, centrada no impulso da seguridade da información celebrará o vindeiro 19 de novembro unha sesión na sede de Abanca en Santiago, de 9:00 a 13:30 horas, para inaugurar o capítulo galego da asociación.
A cita (que podemos ver detallada en formato PDF na web da entidade) contará con expertas e expertos na cuestión das ameazas que existen en Internet e de como facerlles fronte, como por exemplo a vogal da xunta de goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Pilar Vila Abendaño, Roberto Baratta, director de Continuidade do Negocio e Seguridade de Abanca, ou Gianluca D’Antonio, presidente do ISMS Forum e director académico do Mestrado en Ciberseguridade do IE Business School. Na inauguración (ás 9.40 horas), amais dos devanditos relatores, tamén intervirá Mar Pereira, directora da axencia autonómica AMTEGA.
Un dos puntos fortes da xornada será a presentación do capítulo galego do ISMS e a axenda 2020, na que intervirá devandito Roberto Baratta (membro do ISMS Forum), Pilar Vila, Susana Rey, delegada de Protección de Datos de R, Carlos López, DRO de Hijos de Rivera, Antonio Fernandes, CISO de FINSA e David González, CISO de Coren.
A continuación, sobre as 10.30 será a quenda de Nicolás Rodríguez, de NRT, que ofrecerá o relatorio Do Goberno á Cultura da Ciberseguridade. A xornada enfiará a súa recta final cunha intervención a cargo de Gianluca D’Antonio sobre os retos de traballar no eido da ciberseguridade, e un relatorio de Lucas Varela (responsábel de eCrime en CaixaBank) previsto para as 12.30 horas, sobre as ameazas dos servizos na nube. Nuria Andrés, de Forcepoint, falará da seguridade adaptada ao risco dos usuarios e á criticidade do dato.

PUBLICIDADE