#INLUGO comeza con forza mirando cara ao futuro da comunicación

venres, 7 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Esta tarde principiou o I Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO no Pazo de San Marcos de Lugo, xuntando durante dous días a máis de 250 profesionais e entusiastas da comunicación e o social media, para debater e disertar sobre temas de grande interese, podendo seguirse tamén o encontro de xeito remoto a través de streaming de vídeo e de interacción a través das redes sociais.
Tras unha benvida institucional do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, desenvolveuse a mesa redonda titulada Olivetting que contou coa participación dos xornalistas e comunicadores Nacho de la Fuente (La Voz de Galicia), Xabier Xanmartín (El Correo Gallego), Pilar Portero (Huffington Post) e Ángel Vaqueiro (El Progreso), que falaron de novos formatos da comunicación, do sempiterno debate sobre os contidos de balde ou de pagamento na Rede, da influencia dos blogs (como medios en si mesmos e como ferramenta de marca persoal de especialmente interesa para profesionais da comunicación, que poden manter unha identidade en liña con independencia do medio para o que estean a traballar), a precariedade laboral nos xornais e a proposta de bo xornalismo como vía de salvación para o periodismo.

Sebastián Muriel asegurou que Tuenti quere consolidarse como unha plataforma de comunicación social

Sebastián Muriel, vicepresidente de Desenvolvemento Corporativo de Tuenti, expuxo a filosofía da compañía na que traballa, destacando a súa popularidade entre a mocidade como un espazo privado na Internet, distanciándose claramente de Facebook e achegándose a WhatsApp, por defender que o éxito agora está ligado ao contorno móbil, o que ilustrou ao comentar a forza que tomou Instagram grazas a ser unha plataforma pensada directamente para dispositivos móbiles. Muriel chegou a asegurar que Tuenti non é unha plataforma de redes sociais, senón unha plataforma de comunicación social, deixando claro unha vez máis a dirección na que camiña Tuenti.

Mario Tascón explorou as tendencias actuais da comunicación

O xornalista Mario Tascón impartiu un relatorio sobre tendencias da comunicación, como os megadatos, a realidade aumentada e as novas en tempo real, ás que engadiu as posibilidades creativas na escritura en Twitter e incluso unha clasificación de tuiteiros a xeito de aviario. Como mensaxe de cara á actual crise do medio, Tascón estableceu unha analoxía cun tsunami, comentando que o único xeito de sobrevivir ao mesmo nun barco é encarándoo.

Víctor Grande pechou a sesión de hoxe con moito humor

Rematou a xornada cunha mesa redonda sobre Turismo e Internet e unha actuación humorística de Víctor Grande, quen tamén intervirá en #INLUGO mañá na sesión de tarde, cun relatorio de 15 minutos no que defenderá a Internet como escaparate profesional. Entre os relatores de mañá tamén podemos destacar a Óscar Reboiras (community manager de R), Javier Pedreira (Microsiervos), Jacobo Lázare (Disco Azul) e Rixar García (taxista que tira grande proveito de Twitter).

PUBLICIDADE