ICANN asina o contrato de creación do .gal
luns, 11 de novembro do 2013
- Manuel González, presidente da Asociación PuntoGal, destacando as vantaxes de ter un dominio .gal durante o acto no que se anunciou que o .gal superou a avaliación inicial de ICANN
A
corporación que goberna os enderezos da Internet, ICANN, vén de
asinar o contrato de creación do dominio .gal coa Asociación PuntoGal, o
que supón a culminación de 7 anos de traballo nos que a sociedade galega se
uniu para conseguir un distintivo de máximo nivel na Internet, de xeito que a
proposta galega para ter un dominio para a lingua e a cultura galegas xa non é
unha candidatura, senón que convértese en operador dun dominio da Internet.
O documento
publicado na páxina web da ICANN recolle que o .gal nace para servir á
comunidade lingüística e cultural galegas, e establece que este grupo está
formado por aqueles que “usen ou comprométanse a usar o galego nas súas
comunicacións en liña, ou promovas os diferentes aspectos da cultura galega na
Rede ou dirixan especialmente as súas comunicacións e servizos a esta
comunidade”.
Agora a Asociación PuntoGal inicia unha serie de probas técnicas obrigatorias
antes da apertura do rexistro de dominios, que agárdase que se realice a
primeiros de 2014. O que servirá para que as páxinas web poidan identificarse
cun sufixo .gal, o que contribuirá a prestixiar á nosa socidade, cultura e
lingua na Internet e incluso podería contribuír ao seu posicionamento na web.
A nivel económico o .gal tamén servirá para que parte dos cartos que
actualmente se destinan a outros dominios como o .com ou o .net queden en
Galicia, revertendo na nosa sociedade, xa que a Asociación PuntoGal é unha entidade
sen arela de lucro, que reinvestirá os seus beneficios en fomentar o galego nas
TIC.