Hyperkin prepara unha consola retro compatible con cartuchos de Super Nintendo

luns, 7 de agosto do 2017 Marcus Fernández

A xente de Hyperkin parece empeñada en querer facerse cos cartos dos amantes dos videoxogos retro, e tras sorprender co accesorio que permite gozar dos cartuchos orixinais de Game Boy no smartphone, amosan agora a Supa RetroN HD, unha consola de videoxogos que aproveitaría o momento da Nintendo Classic Mini: Super Nintendo Entertainment System (máis coñecida como SNES mini), pero en vez de optar por integrar xogos precargados permitiría xogar ao cartuchos orixinais da Super Nintendo nunha moderna pantalla de alta definición.
Este novo produto sairá á venda en breve e probablemente non sexa moi caro, xa que a RetroN 1 HD que funciona con cartuchos de NES ten un prezo de 39,99 dólares. A Supa RetroN HD terá saída de vídeo a 720p, poderá alternar entre modos de vídeo 16:9 e 4:3 e distintas rexións (para poder gozar de cartuchos de importación), soportará 2 mandos (aínda que só incluirá 1), terá saída HDMI e RCA e alimentarase por microUSB.
Un interesante produto para os coleccionistas de xogos clásicos, que queiran gozar dos mesmos ocasionalmente sen ter que empregar a consola orixinal (que os que as conserven probablemente prefiran gardalas sen utilizar para preservalas en mellor estado).

PUBLICIDADE