Hyperkin prepara un clon do mando da primeira Xbox

luns, 12 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Tras presentar a Xbox One X dentro da feira E3, Microsoft deu unha grande sorprensa aos amantes das súas consolas de videoxogos: as consolas Xbox One contarán nos vindeiros meses con retrocompatibilidade cos xogos da Xbox orixinal, e o fabricante de accesorios Hyperkin non quixo deixar pasar a ocasión anunciar un novo mando de consola chamado The Duke, e que vén a ser unha réplica do mando da Xbox de 2001, de xeito que fará moito máis realista poder gozar dos vellos xogos en consolas actuais.
O novo mando, que será compatible con Xbox One e Windows 10, funcionará con cable e non será unha réplica exacta, xa que contará con pequenos cambios (considerados como actualizacións) como a substitución do logotipo de Xbox no medio do mando por unha pantalla LCD na que amosarase un logotipo animado.
Polo momento non se deron detalles como o prezo e a data de lanzamento concreta deste orixinal produto, pero todo apunta a que tratarase dunha edición limitada que vai estar moi demanda, xa que os incondicionais da primeira Xbox considerarán este mando como toda unha peza de colección.

Vídeo co que Hyperkin anuncia o mando The Duke

PUBLICIDADE