Hue Go, a luz conectada de Philips líbrase dos fíos

martes, 7 de abril do 2015 Marcus Fernández

Dende hai varios anos Philips centrou boa parte do seu negocio en solucións conectadas de iluminación, destacando especialmente a súa gama de produtos Hue, que permiten un control moi versátil dos produtos pertencentes a esta familia, que na súa meirande parte consisten en luces conectadas en rede das que pode regularse a súa intensidade e cor de distintos xeitos (que van dende a súa programación até o seu control dende o smartphone).
Para os que xa teñan o seu fogar cun sistema Philips Hue montado (aparte de ter luces deste tipo tamén é preciso contar cun bridge que as dote de conectividade) pretenden vender nun par de meses un novo produto: o Hue Go.
Trátase dunha curiosa lámpada portátil con forma de cunca, que integra unha batería recargable, e que pode colocarse en distintos currunchos do fogar para crear unha ambientación moi personalizable, xa que pode definirse a súa cor dentro dun grande abano de tonalidades, así como o seu brillo (até un máximo de 300 lumenes), aínda que o máis destacable deste tipo de luz é que é omnidireccional, ou sexa, que pode colocarse tanto en esquinas coma en mesas (ou case calquera outro lugar á nosa elección) o que dá unha versatilidade moi superior á regulación das lámpadas fixas que teñamos no fogar.
Como no resto de produtos da familia Hue, tamén é posible programar este tipo de lámpada para que fagan de espertador polas mañás mediante o seu acendido gradual, que resulta máis agradable que o son dun espertador tradicional. Este produto chegará ás tendas norteamericanas a un prezo de 99,95 dólares, polo que é de esperar que a España chegue por un prezo que podería ser superior dos 110 euros.


Vídeo promocional da nova lámpada Philips Hue Go

PUBLICIDADE