Huawei presenta os seus novos móbiles insignia de grande tamaño

martes, 16 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Tras situarse á cabeza do mercado no apartado das cámaras co Huawei P20 Pro, o fabricante chinés tiña pendente anunciar os seus móbiles insignia de grande tamaño, como fai habitualmente na segunda metade do ano, e finalmente presentou a súa familia Mate 20, composta por 4 smartphones con 3 tamaños de pantalla distintos (6,39, 6,53 e 7,2 polgadas) levando a un novo nivel o concepto de tabletófono e chegando incluso a presentar dimensións superiores ás de algunhas tabletas.
Estes novos teléfonos de Huawei funcionarían co procesador Kirin 980 fabricados con tecnoloxía de 7 nm, colocándose na vangarda dos smartphones con Android, sendo os primeiros produtos comerciais en integrar núcleos baseados en Cortex A76 e con gráfica Mali-G76. Os procesadores Kirin 980 tamén serían os primeiros en contar unha NPU dual. A maiores tamén soportan o estándar LTE Cat. 21 (que algúns chaman 4.5G) e as conexións Wi-Fi máis rápidas do mercado.
O móbil de referencia sería o Huawei Mate 20, con pantalla de 6,53 polgadas cunha resolución de 2.244 x 1.080 píxeles (cunha pestana superior moi reducida), 4/6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento, cámara traseira tripla certificada por Leica (un grande angular de 12 Mpíxeles, un ultra grande angular de 16 Mpíxeles e un telefoto con 8 Mpíxeles), unha cámara frontal de 24 Mpíxeles con apertura f/2.0, lector de pegadas dixitais traseiro, NFC e batería de 4.000 mAh con carga rápida (que promete completar o 58% da batería en só 30 minutos). Chegaría con EMUI 9.0 (baseado en Android 9.0) e entre as súas funcionalidades tamén destaca a proxección sen fíos mediante Miracast, que tamén pode aproveitarse nun modo PC, ideal para realizar presentacións en pantalla grande á vez que poden continuar a recibirse mensaxes e chamadas no teléfono. Está xa á venda por 799/849 euros nas súas versións con 4/6 GB de RAM.
O Huawei Mate 20 Pro sería un terminal máis ambicioso, cunha pantalla de 6,39 polgadas cunha resolución de 3.120 x 1.440 píxeles (cunha pestana superior pronunciada), 6/8 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento interno, cámara traseira tripla certificada por Leica (grande angular de 40 Mpíxeles con apertura f/1.8, ultra grande angular de 20 Mpíxeles e telefoto de 8 Mpíxeles), cámara frontal de 24 Mpíxeles, lector de pegadas dixitais integrado na pantalla, desbloqueo facial, NFC, resistencia ao po e á auga (IP68) e batería de 4.200 mAh con carga rápida por cable e sen fíos. Como curiosidade a súa carga sen fíos pode empregarse de xeito inverso, ou sexa, que o propio móbil pode cargar a batería doutros dispositivos que soporten carga por indución. Pode mercarse por 1.049 euros na súa versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.
O Huawei Mate 20 RS sería un produto da liña Porsche Design, ou sexa, unha versión do Mate 20 Pro con acabados de maior calidade (de xeito que véndese por 1.695 euros con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento ou por 2.095 euros con 8 Gb de RAM e 512 GB de almacenamento), mentres que o produto máis rechamante para moitos sería o Huawei Mate 20 X, por ter a ousadía de vir equipado cunha pantalla OLED de 7.2 polgadas con resolución Full HD+ (cunha pestana superior moi reducida). Este último móbil contaría con 6/8 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento interno, NFC, a mesma configuración de cámaras que o Mate 20 Pro, un sistema de refrixeración baseado en cámara de vapor e unha xigantesca batería de 5.000 mAh. Este móbil permite o uso do Huawei M-Pen, un lapis dixitalizador con 4.096 niveis de presión que dá a entender que este móbil quere competir cos Samsung Galaxy Note9. Este último móbil non chegará ao mercado até o vindeiro día 26 a un prezo de 899 euros na súa versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.
Coa compra do Huawei Mate 20 ou do Huawei Mate 20 Pro ofrecen sen custo adicional un Huawei Watch GT na súa versión clásica (valorada en 249 euros, mentres que a versión deportiva venderase a 199 euros). Con este novo smartwatch Huawei parece seguir a senda de Samsung, e deixar de lado o sistema operativo para reloxos de Google (Wear OS) empregando unha solución propia que busca principalmente conseguir unha boa autonomía, que sería de até 14 días coa monitorización de pulso activa, ou até 30 días sen monitorización de pulso, mentres que se o empregamos para practicar deporte co GPS activo aguantaría até 22 horas.
O Huawei Watch GT ten unha pantalla AMOLED de 1,39 polgadas cunha resolución de 454 x 454 píxeles, 16 MB de RAM, 128 MB de almacenamento interno, conectividade Bluetooth e NFC, de xeito que non destaca en especificacións, pero si pode resultar de grande utilidade xa que, por exemplo, grazas á súa autonomía pode permitirse o seu uso como monitor do sono, á vez que libera ao usuario de ter que andar a cargar o reloxo case a diario.

O Huawei Mate 20 Pro destaca por poder utilizar de xeito inverso o seu sistema de carga sen fíos, ou sexa, por poder cargar outros trebellos mediante indución
O uso do M-Pen por parte do Huawei Mate 20 X dá a entender que este móbil quere competir co Samsung Galaxy Note9

PUBLICIDADE