Huawei estrea o seu teléfono tri-fold

martes, 10 de setembro do 2024 Marcus Fernández

Tras moitas semanas de rumores, finalmente Huawei presentou o seu móbil encartable en tres partes, o Huawei Mate XT, que chega ao mercado chinés a un prezo de entre 19.999 iuans (2.546 euros) e 23.999 iuans (3.055 euros) en función da súa capacidade de almacenamento (entre 256 GB e 1 TB respectivamente).
Falamos dun smartphone moi rechamante, que funciona con 16 GB de RAM e un procesador que probablemente sexa un Kirin 9010, e que como principal característica ten unha pantalla OLED de 6,4 polgadas que, ao despregar o dispositivo, pasa a converterse nunha pantalla de 10,2 polgadas cunha resolución de 3.184 x 2.232 píxeles, polo que practicamente ten as dimensións dunha tableta, mantendo un grosor relativamente contido cando está encartado (12,8 milímetros) e de só 3,6 milímetros na súa parte máis fina cando está despregado.
O Huawei Mate XT inclúe unha cámara principal de 50 Mpíxeles, un ultra grande angular de 12 Mpíxeles e un teleobxectivo de 5,5x de 12 Mpíxeles, mentres que na cámara frontal ten un sensor de 8 Mpíxeles. A súa batería ten unha capacidade de 5.600 mAh con carga rápida por cable de 66 watts e sen fíos de 50 watts.
Un produto realmente interesante, pero que é moi difícil que chegue a saír do mercado chinés, aínda que se ten boa acollida podería fomentar a aparición de novos formatos encartables por parte doutros fabricantes.