Huawei amosa os seus smartphones de grande pantalla no CES

luns, 7 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que xa tiñamos informacións sobre o monstruoso móbil que prepara Huawei cunha pantalla de 6,1 polgadas, hoxe oficializouse Ascend Mate co gallo do CES de Las Vegas e baixo a etiqueta do smartphone máis grande do mundo, detallándose que este terminal terá unha pantalla IPS+LCD de 6,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, procesador Hi-Silicon de catro núcleos a 1,5 GHz, batería de 4.050 mAh con tecnoloxía QPC e ADRX para mellorar a súa autonomía, cámara traseira de 8 Mpíxeles con enfoque automático e HDR e cámara traseira de 1 Mpíxeles, dobre micrófono para a redución de ruído e sistema operativo Android 4.1 que chegará ao mercado chinés o mes que vén.
Pero este tabletófono de Huawei parece que non vai ser o móbil insignia da compañía, senón que o novo Huawei Ascend D2 podería resultar máis atractivo para o mercado actual, por estarmos ante un smartphone con pantalla IPS+ de 5 polgadas cunha definición de 1.920 x 1.080 píxeles (que xa alcuma como Super Retina), procesador K3V2 de 4 núcleos a 1,5 GHz, 2 Gb de RAM, cámara traseira de 13 Mpíxeles, batería de 3.000 mAh con tecnoloxía QPC e ADRX para un menor consumo e sistema operativo Android 4.1 que chegará ao mercado chinés este mesmo mes, saltando despois ao Xapón e confirmando que a algúns mercados tamén chegará cunha pantalla de 4,7 polgadas. Cómpre destacar que este último smartphone soporta rabuñaduras na súa pantalla grazas á tecnoloxía de Corning Gorilla Glass e é resistente á auga e ao po (IPX 5/4), polo que resulta duro dabondo para a nosa actividade diaria.


Vídeo promocional do Huawei Ascend D2

PUBLICIDADE