Huawei carece de autorización para instalar Android nos futuros Mate 30

mércores, 28 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Aínda que o Goberno de EE.UU. ampliase 90 días a licenza temporal de Huawei para permitir ás empresas norteamericanas continuar a traballar con eles, cómpre lembrar que esta licenza estaba limitada a produtos existentes antes da orde executiva contra Huawei, ou sexa, que dende Reuters apuntan ao feito de que a nova liña de móbiles Mate 30, que ten prevista a súa presentación en Munich para o 18 de setembro, non podería contar co sistema operativo Android.

JPEG - 46 KB
Imaxe filtrada dos futuros Mate 30

Aseguran que os futuros Mate 30 terían serios problemas para chegar ao mercado europeo, xa que o bloqueo estadounidense prohibiría a Google ofrecer os seus servizos a Huawei, o que supón un veto para Android, a tenda de aplicacións de Google Play e incluso ferramentas como Google Maps, o que faría que os teléfonos de Huawei perdesen todo o interese para os europeso (pese a que a marca ía camiño de converterse na máis vendida no noso territorio).
Huawei non ten problemas para continuar a empregar Android nos seus móbiles actuais, pero para os dispositivos móbiles novos precisaría dunha autorización especial, que non semella que vaia conseguila. De feito, o Departamento de Comercio recibiu máis de 130 solicitudes de licenza por parte de compañías de EE.UU. para vender produtos a Huawei, e non está a atender ningunha petición.
Aínda que Huawei está a traballar nun sistema operativo alternativo ao Android de Google, na presentación de HarmonyOS deixaron claro que aínda estaba lonxe que puidese funcionar nun teléfono, de aí que as expectativas de poder operar no mercado móbil sen Android están moi baixas.

PUBLICIDADE