Hoxe ábrese o Cumio Conectar África, encamiñado a achar solucións á meirande fenda dixital do mundo

luns, 29 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

Imaxe tomada do webcast do Cumio

África debátese entre unha chea de desigualdades, e a que sofre en materia de chegada de novas tecnoloxías semella unha réplica exacta de outros desequilibrios previos, case todos eles permitidos e mesmo propiciados por gobernos e corporacións do mundo rico ó longo das pasadas décadas. A situación é moito máis ca mellorable, e os seus atrancos ben poderían ser unha versión en chave monumental dos atrancos que (por exemplo) na nosa terra están a impedir o acceso a unha rede da información en condicións. Dito doutro xeito, o que temos aquí non é nada co que hai alí: amplas chairas, áreas pouco poboadas e economías escasamente interesantes para investimentos privados e públicos.
A situación, que é aínda máis grave se temos en conta que África precisa de recursos máis ca ningún outro continente (recursos como a información e a comunicación, entre outros moitos), vai ser avaliada estes días no Cumio Conectar África, que se celebra en Kigali, Ruanda, entre hoxe día 29 e mañá. A idea dos organizadores: atopar respostas para evitar que en África se engada a incomunicación a unha listaxe de males xa de por si longa de máis.
Este é, a maiores, o alicerce do encontro: as novas tecnoloxías, sen ser o remedio para todos os atrancos, si que poden contribuír a xerar riqueza e medre económico sostible.
Segundo informa estes días a Asociación de Internautas, o medre de determinadas infraestruturas en África foi relativamente bo, pero precisamente por ser “relativo” é polo que non pode ser aceptado como bo. Ou sexa, que era de agardar que as cifras de investimento en accesos e redes TIC fose alto, tendo en conta que se parte case de cero. En total, destinouse a infraestrutura unha cifra de 8.000 millóns en 2005, fronte ós 3.500 de 2000, incluíndo a maiores un número de teléfonos móbiles cinco veces maior hoxe en día cá principios do século XXI. Porén, a importancia positiva destes datos fica en auga caída en area se temos en conta que menos do 4% dos africanos ten acceso á Rede, ou que a taxa de penetración da banda ampla segue sen cubrir tan sequera a unha persoa soa de cada cen. Nos últimos días, xornadas previas á celebración do dito Cumio, están a xurdir en numerosos recantos do planeta voces que esixen medidas inmediatas para favorecer a conexión de África á Sociedade do Coñecemento. Voces como a de Ban Ki-moon, secretario xeral das Nacións Unidas, quen amosou o seu apoio total á iniciativa Conectar África e lembrou que quedan menos de 8 anos para 2015, data fixada para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio das Nacións Unidas, fins que polo que respecta ó acceso á comunicación de África están lonxe de seren acadados, polo que son precisas (engadiu) medidas radicais.
Cómpre sinalar que o Cumio Conectar África está organizado pola Unión Internacional de Telecomunicacións, a Unión Africana, o Grupo Banco Mundial e Un Gaid. Ademais, está prevista a participación de preto de 500 institucións, organizacións e empresas TIC de todo o mundo.

PUBLICIDADE