Hero: un dispositivo conectado que quere facilitar a toma de pílulas
martes, 8 de marzo do 2016
Cada vez xorden máis solucións orientadas á saúde
electrónica, e unha startup de New
York pensou que xa era hora de aplicar a tecnoloxía á toma medicinas e
vitaminas e deseñaron Hero, un produto
que xa pode encargarse a un prezo promocional de 399 dólares (tras o lanzamento
o prezo oficial sería duns desorbitados 999 dólares) e que pretende ver a luz a
primeiros do verán en EE.UU.
Este novo dispositivo electrónico serviría para almacenar, dispensar e
administrar pílulas, adoptando un formato que pode lembrar ás cafeteiras de
cápsulas, polo que pode integrarse de xeito doado no fogar e suporía unha
magnífica solución para moitos usuarios poli-medicados que poden recibir
alertas cando deben tomar a súa medicación e recibir sempre as doses correctas.
Hero conta tamén cunha aplicación móbil de balde que será a que alerte aos usuarios
de que chegou a hora de tomar a medicación, momento no que pode achegarse ao
dispensador para que lle subministre as pílulas correspondentes a esa hora, sendo
compatible o sistema con comprimidos de distintas formas e tamaños, estimándose
que no interior da máquina poden almacenarse até un mes de tratamento con 10
medicacións diferentes (avisando cando se está a esgotar algún medicamento).
Esta solución está orientada para o seu uso para múltiples usuarios, conta con
Wi-Fi para sincronizar o seu funcionamento coa súa aplicación móbil e tamén
ofrece estatísticas de uso, o que facilitará que ao remate do día podamos saber
se os nosos seres queridos seguiron a pauta da súa medicación.
Estamos así ante un produto que polo momento non chegará a Europa, que resulta
extraordinariamente caro como para ser simplemente unha alternativa electrónica
aos organizadores de pílulas, pero que podería marcar unha liña de produto que
en poucos anos podería gozar de grande aceptación, especialmente en fogares con
xente maior que ten que atender complicadas pautas de medicamentos e non sempre
teñen a unha persoa presente para axudalas.
Vídeo promocional do Hero