Hawk Eye, o helicóptero teledirixido con cámara de vídeo integrada

luns, 2 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Moitos videoafeccionados senten envexa ao ver como en moitas producións faise uso de imaxes captadas dende helicópteros ou guindastres, para o que son precisos uns recursos fóra do alcance da meirande parte dos consumidores, o que non impide que poidamos facer unha achega bastante rudimentaria a través dun xoguete que sairá este mes á venda en grandes cadeas coma Walmart, Target ou Toys ’R’ Us. Trátase dun helicóptero teledirixido chamado Hawk Eye que Spin Master fabrica baixo a marca Air Hogs e que integra unha cámara de vídeo semellante ás que podemos ver nos teléfonos móbiles, de xeito que permite a gravación de ata 5 minutos cunha resolución de 320 x 240 píxeles, á vez que tamén pode tomar fotografías a 640 x 480 píxeles. As imaxes e os vídeos poden transferirse ao PC a través de USB e o prezo de venda pretende ser de só 65 dólares, polo que é o suficientemente axustado como para converterse en todo un supervendas.
De todos os xeitos temos que advertir que estamos a falar dun produto para voar en interiores, pois o helicóptero non deixa de ser de xoguete, sendo incapaz de superar a forza do vento. Espérase que este dispositivo dispare a creatividade dos seus usuarios, de aí que dende Air Hogs organicen un concurso de vídeos tomados co Hawk Eye nos que valorarán a creatividade, a calidade dos vídeos e a habilidade de uso do trebello voador.


Explicación do concurso de vídeos gravados co Hawk Eye

PUBLICIDADE