Hasselblad presenta a primeira cámara dixital de formato medio sen espello
mércores, 22 de xuño do 2016
As cámaras sen espello están a converterse cada vez nunha
mellor alternativa ás DSLR, por ofrecer unhas prestacións semellantes nun
tamaño e nun peso máis moderados, o que achegan versatilidade de control e
comodidade no transporte, pero dende Hasselblad queren ir un paso máis aló, e
presentan a súa cámara X1D, que
sería a primeira cámara dixital de formato medio sen espello, que promete
cambiar radicalmente o mundo da fotografía.
Estamos ante unha cámara de grande calidade, fabricada en Suecia, que ofrece a
calidade propia das ópticas de Hasselblad nun formato moi compacto e sen
comprometer resolución (conta cun sensor CMOS de 50 Mpíxeles). Esta cámara é
bastante completa, con funcións de vídeo HD, Wi-Fi AC e GPS integradas e un
peso de só 725 gramos, polo que é unha grande compañeira de viaxe, que
compórtase moi ben en exteriores ao estar deseñada para resistir o po e as
inclemencias do tempo.
A Hasselblad X1D conta cunha pantalla táctil traseira TFT de 3 polgadas para o
seu cómodo control e tamén está equipada cun visor electrónico de 2,36 Mpíxeles
para facilitar o seu uso en condicións de iluminación complicadas. Conta con
dúas rañuras para tarxetas de memoria SD, saída mini HDMI, conector USB 3.0, funciona
cunha nova liña de obxectivos XCD con obturador central (dispoñibles en 45 e 90
milímetros no momento do lanzamento) aínda que tamén é compatible con 12
obxectivos (e os seus accesorios) do sistema H profesional de Hasselblad
(mediante adaptador), conta cunha ampla gama de velocidades de obturación (de
60 minutos a 1/2000 de segundo con sincronización de flash en toda a gama),
traballa cunha sensibilidade ISO de 100 a 25.600 e o seu corpo só mide 150 x 98
x 71 milímetros. Un produto realmente impresionante, que por desgraza ten un
prezo que o afasta da meirande parte do público, xa que véndese
a 7.900 euros (sen incluír obxectivos nin o correspondente IVE).
Vídeo de presentación da cámara Hasselblad X1D