Halo: Reach estrea versión para PC

martes, 3 de decembro do 2019 Marcus Fernández

No mes de marzo Microsoft anunciou que a recompilación de xogos Halo: The Master Chief Collection chegaría a ordenadores persoais, non só a través de Microsoft Store, senón tamén a través de Steam, levando así a grande saga do Xefe Mestre a un público máis amplo, á vez que supón a actualización dalgúns destes xogos a plataformas con maior potencia e métodos de control, ou sexa, que agora todos os xogos poderán funcionar en 4K a 60 imaxes por segundo e manexarse con teclado e rato, para goce de moitos gamers de PC con equipos de elevadas prestacións.
Aínda que a The Master Chief Collection limitábase ás primeiras 4 grandes entregas de Halo o salto a ordenadores persoais aproveitouse tamén para ampliar a colección e incluír Halo: Reach, xogo que por fin pode gozarse en PC (así como mercarse por separado), e polo que había moita xente agardando se consideramos que durante a xornada de hoxe foi o terceiro xogo con máis usuarios en Steam (chegando a superar os 150 mil xogadores simultáneos), e tamén entre as primeiras posicións en volume de espectadores en Twitch (con máis de 110 mil espectadores).
Halo: Reach para PC é a versión máis completa do xogo até o momento, mellorando en gráficos e control, e supón a estrea da Halo: The Master Chief Collection (que recibirá o resto de xogos de Halo ao longo de 2020), aínda que tamén é salientable o feito de que a saga xa non se limita a quen a merque, xa que ao estar dispoñible a través de Xbox Game Pass ábrese a un importante número de subscritores que probablemente repasen cada unha das entregas da saga en función do seu calendario de lanzamento das súas versións para PC, levando a estes clásicos de Xbox e estar de plena actualidade entre os seareiros dos shooters en primeira persoa para PC.

PUBLICIDADE