Hades chega a consolas Xbox e PlayStation

venres, 13 de agosto do 2021 Marcus Fernández

O reputado xogo Hades, con numerosos recoñecementos nas súas versións para PC e para Nintendo Switch, dá un importante salto no ámbito das consolas de videoxogos, estreando versión para Xbox One e Xbox Series X|S (que destacan por estar incluídas no Xbox Game Pass xunto coa versión de PC, o que atraerá a moitos xogadores) e para PlayStation 4 e PlayStation 5. Aínda que estamos ante un título moi orientado ao mercado dixital, tamén é posible atopalo en formato físico nas súas versións de consola.
Hades é un xogo roguelike de exploración de alxubes que combina acción rápida con coidado na súa narrativa, profundidade e atmosfera, cativando ao xogador nunha aventura na que hai que procurar fuxir do inframundo enfrontándose a numerosos desafíos e facendo uso de habilidades potenciadas polas bendicións dos deuses do Olimpo.
Ao estarmos ante un roguelike, cada partida é diferente, de xeito que o título pode xogarse moitas veces, polo que a loita de Zagreus, inmortal Príncipe do Inframundo, será moi intensa e divertida, na que poderemos elixir diferentes niveis de dificultade para que poidamos gozar da experiencia como un reto ou como unha historia.

Trailer da versión para Xbox e PlayStation de Hades