HP presenta un ordenador compacto ampliable mediante módulos amoreables

xoves, 1 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Pensando en ocupar pouco espazo no escritorio da oficina HP presenta un revolucionario concepto de ordenador que pode comporse en rebandas, como xa dita o seu nome, HP Elite Slice, de xeito que teriamos un equipo extraordinariamente reducido (cun tamaño que semella un reprodutor de CD) que medraría en altura ao amorear os seus módulos de ampliación que permiten incrementar a súa capacidade de almacenamento interna, integrar son de calidade (cun altofalante Bang & Olufsen que tamén integra unha matriz dual de micrófonos con cancelación de ruído para facilitar o seu uso para conferencias) ou cun prato VESA (que facilitaría a colocación do equipo detrás un televisor ou monitor, permanecendo invisible).
O HP Elite Slice mide 16,5 x 16,5 x 3,5 centímetros (sen módulos adicionais) e pesa aproximadamente un quilogramo, destacando tamén por adoptar un deseño que busca reducir os cables ao mínimo, de xeito que sería o primeiro ordenador de escritorio do mercado que podería alimentarse directamente un cable USB-C achegado do seu monitor (para o que podería empregarse o monitor HP EliteDisplay S240uj).
Para ampliar as posibilidades deste equipo tamén se comercializará unha tapa que engadiralle botóns táctiles para o control de chamadas de Skype e na primeira metade de 2017 está previsto o lanzamento dunha cuberta de carga que permitirá que podamos colocar sobre o equipo dispositivos compatibles con sistemas de carga sen fíos para así poder recargalos no escritorio sen ocupar espazo sobre o mesmo. Tamén será posible incorporar lector de pegadas dixitais ao equipo para mellorar a súa seguridade.
Estes equipos compactos que poden equiparse até con procesadores Intel Core i7 de sexta xeración sairán á venda este mesmo mes cun prezo que parte dos 699 dólares, mentres que o mencionado monitor que podería libralo da toma de corrente estándar, o HP EliteDisplay S24Ouj sairá á venda en outubro a un prezo duns 429 dólares.

Vídeo de presentación do HP Elite Slice

PUBLICIDADE