HP presenta un impresionante ordenador de sobremesa para gamers

mércores, 17 de agosto do 2016 Marcus Fernández

A poucos meses da presentación da gama de produtos OMEN, coa que HP quere gañarse aos gamers, chega xa un equipo realmente rechamante a tal familia, por tratarse dun equipo de sobremesa que, en vez de apostar polo tradicional formato de torre, adopta unha forma de cubo, co que consegue marcar a súa identidade dun xeito rotundo, aínda que non estamos ante un factor puramente estético, senón que ten impacto funcional, xa que o cubo non se apoia nunha das súas caras, senón nunha das súas arestas (grazas a un par de pés que estabilizan o equipo) de xeito que consegue unha maior exposición, maximizando a súa ventilación e favorecendo o fluxo de aire, o que resulta moi importante en equipos de alto rendemento.
Internamente o deseño do OMEN X tamén é bastante curioso, dividindo o seu interior en tres áreas diferenciadas: por unha banda estaría a placa base, o procesador e a gráfica; logo os discos duros estarían nun lugar aparte; e finalmente estaría a fonte de alimentación. Cada espazo está separado por paredes e contarían con ventilación independente, e gañaría en eficiencia á hora de refrixerar o equipo que incluso conta con tres radiadores de refrixeración líquida de 120 milímetros no seu interior.
Os novos OMEN X funcionan con procesadores Intel Core i5/i7 de sexta xeración con opcións para gráficas nVIDIA GeForce GTX 1080 e AMD Radeon R9 Fury X, ou sexa, o máximo dispoñible para o mercado de consumo, de aí que o seu prezo sexa moi elevado (parten de 1.799,99 dólares), de xeito que están máis que preparados para gozar dos últimos xogos ao máximo de calidade en ultra alta definición e tamén para aplicacións de realidade virtual.
Cómpre salientar que estamos ante uns ordenadores de escritorio que resultan moi cómodos de manipular, incluíndo 4 baías para discos duros que poden extraerse directamente sen ter que abrir a caixa; aínda que se queremos abrir o equipo agocha nun departamento as ferramentas para facelo, podendo apreciarse despois a súa boa organización interior do cableado, o que agradecerá quen deseñe instalar algún compoñente no seu interior.

Vídeo de presentación do HP OMEN X

PUBLICIDADE