HP presenta o seu primeiro ordenador gaming personalizable

mércores, 21 de agosto do 2024 Marcus Fernández

No marco da Gamescom de Colonia HP presentou o seu primeiro ordenador de sobremesa gaming personalizable: o OMEN 35L. Falamos dun equipo con Windows 11 que achega unha experiencia de xogo premium grazas á súa completa configuración, permitindo ao usuario optar con procesadores até o AMD Ryzen 7 8700G ou o Intel Core i7-14700F, capaz de albergar unha gráfica nVIDIA GeForce RTX 4090, de xeito que tanto pode mover os xogos máis esixentes como aproveitar as capacidades da intelixencia artificial que están en plena emerxencia.
Ao estarmos ante un equipo con compoñentes estándar, será doado de actualizar no futuro. Pode configurar cunha fonte de alimentación modular de até 1.000 watts, e ofrece un bo desempeño térmico grazas ao seu sistema de refrixeración líquida de 240 milímetros e aos seus 2 ventiladores de 140 milímetros, de xeito que garante o xogo durante horas sen caídas de rendemento.
Está previsto que o HP OMEN 35L con procesador AMD Ryzen saia á venda a un prezo de partida de 1.299,99 dólares, mentres que con procesador Intel Ultra partirá dun prezo de 1.369,99 dólares. Cómpre salientar que tamén haberá versión deste equipo con procesador AMD que, en vez de contar cunha gráfica AMD Radeon, estará equipado cunha nVIDIA GeForce.