HMD podería recuperar o deseño do Lumia 920

xoves, 13 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Nos últimos anos puidemos ver como HMD Global recuperaba clásicos modelos de móbiles de Nokia, renovando as súas prestacións para que fosen compatibles coas redes de telefonía actuais, e agora fíltrase que poderían facer o mesmo cun terminal que no seu día saíu á venda con Windows Phone 8, e que agora relanzarían con Android: o Nokia Lumia 920.
O novo smartphone coñeceríase como HMD Skyline (aínda que internamente estarían a chamalo HMD Tomcat), e comentan que mantería o deseño robusto do Lumia 920, pero que as súas especificacións serían bastante interesantes, xa que falamos dun móbil con pantalla AMOLED Full HD+ cunha velocidade de refresco de 120 Hz, procesador Qualcomm Snapdragon 7s Gen 2, 8/12 GB de RAM, 256 GB de almacenamento interno, cámara traseira tripla cun sensor principal de 108 Mpíxeles, cámara frontal de 32 Mpíxeles, batería de 4.900 mAh con carga rápida de 33 watts e sistema operativo Android 14. A filtración incluso apuntaría que o modelo con 8 GB de RAM custaría 400 euros e con 12 GB de RAM subiría até os 440 euros.
O máis interesante deste dispositivo non sería o reclamo nostálxico (pois non prece que queiran simular de ningún xeito o clásico da serie Lumia) senón o feito de que estamos ante un formato de móbiles que pasou de moda, impoñéndose os terminais moi delgados con cámaras prominentes que practicamente obrigan ao uso de fundas protectoras, mentres que un formato máis robusto podería ter o seu público, o que posiblemente poderemos comprobar en breve.