Gucci venderá lentes 3D de luxo

martes, 2 de novembro do 2010 Marcus Fernández

En moitas salas de cine poden adquirirse por 1 euro uns lentes de plástico válidos para o visionado de películas en 3D, pero en vista de que ese accesorio poida parecer un ridículo xoguete, dende Gucci sorprenden anunciando que no mes de decembro van pór á venda nos EE.UU. uns lentes 3D cun deseño coidado a un prezo de 225 dólares (160,42 euros), todo un luxo para as proxeccións estereoscópicas nas que os máis desprendidos poderán estar á última moda.
Estes lentes unisex de Gucci teñen un deseño retro, propio dos anos 80, e levan unha liña propia dos lentes de sol ás salas cinematográficas, onde Os Resentidos poderían dicir sen ningún pudor que «fai un sol de carallo».
Os lentes modelo 3DV 001 GUC, con seu deseño de aviador, cobren o ollo o suficiente como para ser uns lentes de sol axeitados, teñen un recubrimento de espello de varias capas e permiten pasar o 98% da luz visible, de xeito que non afectarían á experiencia de visualización de películas 3D.

PUBLICIDADE