Grok utilizará as publicacións dos usuarios de X para o seu adestramento se non se indica o contrario
venres, 26 de xullo do 2024
O ano pasado Elon Musk presentou a súa alternativa a ChatGPT, Grok, produto de xAI que actualmente está dispoñible para os usuarios de X subscritos ao plan de pagamento Premium (ou Premium+), e que recoñecen que para o adestramento do seu modelo empregaron fontes publicamente dispoñibles na Internet e, aínda que aseguran que «Grok-1 non se adestrou con datos de X» si fai uso das publicacións en X para poder responder a información actualizada.
Agora a cousa está a tomar un cariz bastante gris, xa que na configuración de privacidade de X aparece agora un apartado na sección Intercambio e personalización de datos dedicado a Grok, no que pode desactivarse a opción de permitir que as publicacións, as interaccións, as entradas e os resultados do usuarios poidan utilizarse para o adestramento e o perfeccionamento de Grok.
Esta nova opción de configuración de X resulta bastante polémica, por varios motivos, xa que contradí o que se dicía anteriormente do uso que facía Grok dos contidos xerados polos usuarios, por activar a cesión de datos persoais de xeito predeterminado (o que na Unión Europea é claramente ilegal) e, para rematar a faena, a opción só está dispoñible na versión web do servizo, de xeito que dende as aplicacións móbiles non se pode retirar o consentimento a Grok (aínda que aseguran que estará dispoñible en breve).