Green Day: Rock Band estrea demo

martes, 25 de maio do 2010 Marcus Fernández

Os afeccionados aos xogos musicais con instrumentos estarán contentos de saber que a seca que afectou ao xénero nos últimos meses está a piques de rematar, pois hoxe chega ao Bazar de Xbox LIVE a demo do xogo Green Day: Rock Band, que poderán descargar de balde os usuarios Gold e que estará activa ata o 13 de xullo, mentres que o xogo chegará ás tendas norteamericanas o 8 de xuño (estando aínda por definir a data de lanzamento europea).
Green Day: Rock Band incluirá cancións de distintas épocas da banda punk norteamericanas, dende o álbum Dookie ata o 21st Century Breakdown, podendo revivirse estes temas con guitarra, baixo, batería e micrófono. A nivel gráfico conta coa recreación da aparencia física dos integrantes de Green Day, dos que tamén realizouse a correspondente captura de movemento para imitar perfectamente o seu movemento no escenario.
O novo xogo permitirá tanto importar temas descargables de anteriores Rock Band como tamén exportar súas cancións para o seu uso en Rock Band, Rock Band 2 e Rock Band 3 (aínda que este último proceso será de pagamento).

PUBLICIDADE