Gravador de TDT de alta definición de Blusens

venres, 11 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Os consumidores que teñan un televisor Full HD sen sintonizador para a TDT de alta definición ou, simplemente, que queiran reproducir ou gravar contidos en alta definición, poderán estar interesados no Blusens T14, un sintonizador de TDT do fabricante galego de electrónica de consumo que pode recibir tanto o sinal da TDT estándar en MPEG-2 como as emisións en alta definición en MPEG-4/H.264, podendo gravar os programas en unidades de memoria USB, dende as que tamén poden reproducir música (MP3, AAC, AC3, WMA e EAC3), visualizar fotografías (JPEG, BMP e PNG) e reproducir vídeo (MPEG-1/2/4, H.264, AVI, MP4, VOB, TS, TP, MKV, MOV, M2TS).
Este dispositivo de Blusens conta con saída HDMI con soporte de vídeo de ata 1.080p, saída de audio dixital SPDIF coaxial e óptica e incluso conta con menús en pantalla en galego. O seu prezo de venda non chega aos 60 euros, polo que é unha solución moi interesante para a reprodución e a gravación de programas televisivos.

PUBLICIDADE