Grande éxito do primeiro tráiler de GTA VI

martes, 5 de decembro do 2023 Marcus Fernández

A expectación polo xogo Grand Theft Auto VI é incontestable, e o lanzamento do seu primeiro tráiler está a ser unha boa mostra disco, xa que só precisou de 22 horas para superar os 85 millóns de reprodución, superando a marca establecida por MrBeast como o vídeo non musical máis reproducido en 24 horas.
Cómpre salientar que para establecer a marca deixan fóra os vídeos musicais (que teñen un desempeño moi diferente a longo prazo) xa que o tema Butter do grupo de pop coreano BTS conseguiu chegar aos 108 millóns de reprodución en 24 horas (actualmente supera os 926 millóns de reproducións).
Non podemos esquecer que Rockstar Games tivo que publicar o tráiler con antelación por terse filtrado horas antes, ou sexa, que realmente o volume de reproducións foi bastante superior, pero non pode cuantificarse por terse realizado a través de numerosas contas dispersas.

No tráiler podemos ver o que semella ser unha parodia do fundador de Amazon, Jeff Bezos

O minuto e medio que dura o tráiler de GTA VI está a ser diseccionado por numerosos seareiros da saga, que non paran de atopar referencias a outras entregas e incluso ao mundo real, así como pistas sobre como pode rematar sendo o título que non chegará a Xbox Series X|S e PlayStation 5 até 2025, descoñecéndose o que tardará en chegar a versión para PC (que no caso de GTA V distanciouse ano e medio no calendario). O feito de que a versión para PC vaia tardar en chegar está a verse con moito interese por parte da industria, xa que podería ser un importante motor vende-consolas, especialmente se temos en conta a Xbox Series S hai pouco vendíase a 229 euros, polo que pode converterse na porta de entrada máis accesible ao GTA de nova xeración.

Primeiro tráiler oficial de Grand Theft Auto VI

PUBLICIDADE