Grammata presenta un novo Papyre con dúas pantallas e Android

xoves, 15 de abril do 2010 Marcus Fernández

En outubro de 2009 a compañía Spring Design anunciou un lector de libros electrónicos chamado Alex e que destacaba por ter 2 pantallas: unha de 6 polgadas con tecnoloxía E Ink e outra LCD de 3,5 polgadas (táctil e de cor). Este dispositivo funcionaría co sistema operativo Android, tería conectividade Wi-Fi e lector de tarxetas SD, pero finalmente en España non imos velo coa marca do seu fabricante, senón que será Grammata a encarga en comercializalo baixo o nome de Papyre 6.S Alex.
O trebello funciona cun procesador Monahan PXA303 a 624 MHz, ao funcionar con Android permite a navegación web, o acceso ao correo electrónico, a reprodución multimedia e a lectura de libros, soportando os formatos PDF, ePUB, TXT e HTML (no que a e-books se refire), MPEG-2/4, 3GP, FLV (para vídeo), MP3, MIDI, WAV (para audio) e JPEG, GIF, BMP e PNG (para imaxes).
O Papyre 6.S Alex mide 22,5 x 12 x 1 centímetros, pesa 310 gramos, inclúe auriculares, micrófono e altofalantes, e aínda que non chegará ao mercado ata o mes de xuño, pode encargarse por 449 euros, o que parece bastante elevado se tempos en conta que nos EE.UU: véndese por 399 dólares (294,08 euros).
Este novo dispositivo é interesante para usuarios que precisen dun eReader baseado en papel electrónico, pero que queira aproveitar o trebello para usos avanzados (bastante semellantes aos dun smartphone).

PUBLICIDADE