Google quere revolucionar o mundo da enerxía, apostando polo sostible

mércores, 20 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

O buscador Google anunciou hai uns días que vén de reforzar o seu compromiso a prol das solucións enerxéticas limpas e sostibles. Esta aposta polo verde, segundo informou The New York Times, non é cousa de hoxe, senón que se remonta a anos atrás, ó tempo no que se decidiu dende as máis altas instancias da empresa de Internet habilitar un bo número de tomas eléctricas nos seus garaxes (agardando a que os coches eléctricos se afiancen) ou paneis solares ó carón das súas oficinas (a día de hoxe, un total de 9.200, achegando unha boa parte das necesidades de consumo).
O que si que é unha novidade é o alcance da intención da compañía (Google da man do seu departamento de obra social, Google.org), ambiciosa abonda, de conseguir que o planeta enteiro mude o fondo e a feitura do seu emprego da enerxía. Por exemplo: apostar polos devanditos vehículos limpos, atopar fontes renovables novas ou investir en investigación para predicir secas ou inundacións.
O caso é que en setembro do ano pasado a compañía xa achegou 10 millóns de dólares para estes fins, e en novembro, Larry Page (cofundador da firma) deu a coñecer un plan de ducias de millóns de dólares para procurar unha enerxía renovable competitiva máis barata có carbón, co obxectivo de construír plantas por todo o mundo que sexan quen de subministrar un xigavátio. Logo, en xaneiro xa de 2008, anunciou o financiamento cunha suma semellante dunha empresa que promove o uso de enerxía solar. Segundo puidemos saber, os obxectivos de Google son ir alén de todo isto e duplicar a curto prazo os seus compromisos, económicos e humanos.
Estas medidas, que tendo en conta a natureza corporativa de Google tamén irían orientadas a obter beneficios (e, non o esquezamos, recursos para sustentar as amplas necesidades de consumo dos seus centros de información), xorden en boa medida da vocación ambientalista dos seus fundadores, Larry Page e Sergey Brin, e, tamén, do interese da empresa por facerse con profesionais de talento comprometidos coa innovación.

PUBLICIDADE