Google probará novos prototipos de lentes de realidade aumentada

mércores, 20 de xullo do 2022 Marcus Fernández

As Google Glass foron un produto que non conseguiu ver a luz, principalmente polo rexeitamento detectado no público durante as súas probas (por mor da posibilidade de invadir a intimidade doutras persoas coa súa cámara), pero a compañía de Mountain View non se retirou deste tipo de produto, buscándolle utilidades prácticas, e agora recoñecen que están a probar un novo prototipo de lentes de realidade aumentada orientadas á transcrición e tradución de voz en tempo real, o que poderiamos describir como engadir subtítulos á realidade.
Polo momento limitaban estas probas a contornos controlados, pero no mes de agosto van levar as probas destes novos prototipos ao mundo real, para así coñecer mellor como poden axudar á xente no seu día a día. Por exemplo, traballarán no uso da realidade aumentada para guiar aos usuarios a chegar ao seu destino, o que supón superar atrancos como as condicións meteorolóxicas ou as rúas ateigadas de xente para poder identificar ben o contorno e indicar correctamente o camiño a seguir.
Os prototipos que probarán nas vindeiras semanas un grupo de traballadores de Google e uns poucos probadores de confianza permitirán comprobar o funcionamento das pantallas para lentes, os micrófonos e as cámaras, deixando claro que estes prototipos non poderán disparar fotografías nin gravar vídeo, senón que os datos de imaxe empregaranse para funcións como traducir un texto que teñas diante ou para facilitar a indicación da ruta a seguir para chegar ao destino.
Dende Google aseguran que desta volta van tomarse as cousas con calma, enfocando boa parte dos esforzos en respectar a privacidade das persoas que proben as lentes e das que estean ao seu redor, polo que tardaremos en ver un produto comercial, pero as intencións da compañía resultan prometedoras.

Vídeo no que amosan como sería a realidade aumentada ao servizo da tradución automática

PUBLICIDADE