Google presenta un router para mellorar as conexións Wi-Fi no fogar

martes, 18 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Para solucionar os problemas que en moitos fogares xorden ao redor das redes Wi-Fi dende Google decidiron aliarse con TP-LINK para comercializar un novo dispositivos, o OnHub, un router que preséntase como unha solución para achegar conectividade sen fíos sen complicacións e con seguridade e velocidade. Amais o OnHome está deseñado para formar parte do fogar, de xeito que en vez de ser un trebello electrónico que queiramos afastar da nosa vista, pode colocarse no lugar que máis conveña sen molestas luces pestanexando e antiestéticos cables.
O OnHub busca nas ondas para elixir a canle Wi-Fi na que conseguir a conexión máis rápida, continuando a explorar as distintas frecuencias para axustarse automaticamente para evitar interferencias e conseguir sempre o mellor desempeño posible, permitindo incluso que poidamos definir dispositivos aos que dar prioridade (por exemplo, para poder ver unha película mediante streaming sen molestos cortes).
A xestión deste novo dispositivo pode realizarse comodamente a través dunha aplicación móbil dispoñible para iOS e Android, que nos informará do largo de banda que empregan os nosos dispositivos, permitirá realizar comprobacións da rede e realizará suxestións no caso de atopar problemas na nosa rede Wi-Fi. Tamén presenta o noso contrasinal cun simple toque, para que podamos compartilo electronicamente de xeito áxil.
Entre as súas vantaxes destaca que recibirá actualizacións automáticas con novas prestacións e as últimas actualizacións de seguridade, procurando interromper a nosa conexión. Tamén soporta outros dispositivos conectados do fogar, xa que uso Bluetooth Smart Ready, Weave e 802.15.4, de xeito que no futuro podería interactuar con outros dispositivos domésticos.
O OnHub podería funcionar con até 128 dispositivos conectados á vez, funciona sen problemas coa meirande parte de provedores de acceso á Internet, inclúe conectores Gigabit Ethernet (1 LAN e outro WAN) e sorprende polo seu deseño de antenas único, xa que integra 6 antenas para a banda dos 2,4 GHz, outras 6 antenas para a banda dos 5 GHz e incluso un reflector frontal para a banda dos 2,4 GHz, que permite que orientemos o router cara onde queiramos que a o sinal Wi-Fi chegue con máis potencia.
O dispositivo xa pode reservarse nos EE.UU. a un prezo de 199,99 dólares comezando a súa venda a través da Google Store, Amazon e Walmart.com, para chegar nas vindeiras semanas a tendas físicas de EE.UU. e Canadá, descoñecéndose polo momento cando está prevista a súa chegada a España.

Vídeo promocional de OnHub

PUBLICIDADE