Google presenta o seu propio navegador GPS para terminais con Android 2.0

mércores, 28 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Os mapas de Google poden consultarse dende o móbil dende hai máis de 4 anos, pero esta prestación estaba bastante limitada, aínda que nos últimos tempos foi incorporando prestacións como a localización xeográfica (mediante GPS) e agora dá un paso máis aló e anuncian a versión de proba de Google Maps Navigation para dispositivos co sistema operativo Android 2.0 (de xeito que o primeiro terminal no que viría incluído sería o Motorola Droid).
Esta nova característica converte o sistema de mapas de Google nun navegador GPS completo, con vistas en 3D, guía por voz paso a paso e reaxuste automático de rutas, así coma outras moitas prestacións que poden achegarse grazas ao acceso á Internet dos terminais Android: mapas actualizados e información de negocios, buscas sinxelas (pódese preguntar directamente pola localización dunha empresa para trazar logo a ruta á súa sede), busca por voz, visualización do tráfico, buscas en ruta (que permitirían localizar estacións de servizo ou restaurantes durante as nosas viaxes), vista de satélite (os mapas poden gozar de imaxes fotográficas) e vista a pé de rúa (que en breve podería incorporar a varias cidades galegas, de xeito que teremos vistas de 360 graos das súas rúas).
As consecuencias a este novo lanzamento de Google non se fixeron esperar, e as cotizacións bolsistas de TomTom e Garmin, compañías que centran a súa actividade nos navegadores GPS, padeceron unhas caídas do 20 e o 15% respectivamente e, aínda que o sistema de Google aínda deberá mellorar bastante para ser unha ameaza para estas empresas, o feito de que vaian aparecendo versións para distintos móbiles de Google Maps Navigation podería reducir considerablemente as vendas de dispositivos GPS dun só propósito.

TomTom e Garmin caeron na súa cotización bolsista tras a presentación de Google Maps Navigation


Vídeo de presentación do Google Maps Navigation

PUBLICIDADE