Google presenta novos produtos de electrónica de consumo

mércores, 30 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Google presentou hoxe novas versións dalgúns dos seus produtos de hardware máis populares, como son os seus móbiles, os seus altofalantes conectados e o seu Chromecast, introducindo cambios bastante importantes que fan que poidamos falar de renovacións en vez de simples actualizacións.
No caso dos smartphones deron a coñecer a versión con 5G doo Pixel 4a, así como tamén presentaron o Pixel 5 (que xa vén directamente con 5G) que preséntanse como un xeito asumible de acceder á conectividade 5G, aínda que cómpre advertir que ningún destes dispositivos está previsto que chegue oficialmente a España (aínda que si poderase conseguir en países próximos como Francia, Alemaña, Irlanda, e Reino Unido, de xeito que é probable que poidan conseguirse con certa facilidade a través de terceiros.
Estes móbiles renovan o seu apartado fotográfico, combinando unha cámara traseira dual-pixel de 12 Mpíxeles cunha de ultra grande angular de 16 Mpíxeles con numerosos efectos (modo nocturno, HDR+ en directo, retrato iluminado, paneo cinematográfico, un modo retrato nocturno e incluso un novo editor fotográfico en Google Fotos (que permite editar os efectos aplicados nos retratos iluminados).
A tecnoloxía de Duplex tamén se integra neste móbil para permitir un acceso anticipado a unha nova funcionalidade que permiten que o móbil atenda as chamadas cando nos poñan en espera, para avisarnos cando a comunicación se retoma.
Aínda que ambos móbiles confórmanse cun procesador bastante discreto (o Qualcomm Snapdragon 765G, presente en moitos móbiles de entre 300 e 400 euros de prezo), que conten con pantallas Full HD+ non moi grandes (6 polgadas o Pixel 5 e 6,2 polgadas o Pixel 4a 5g) podemos entender que as capacidades das súas baterías (4.080 e 3.885 mAh respectivamente) achegarán por fin unha boa autonomía, que nos últimos anos era o grande defecto dos móbiles da familia Pixel.
Os prezos destes novos smartphones en Francia serán de 499 euros para o Pixel 4a con 5G e de 629 euros para o Pixel 5, o que supón un salto de prezo importante con respecto ao Pixel 4a (á venda en España por 389 euros), pero tamén quedan lonxe do Pixel 4 XL (que partía dos 899 euros).

Nest Audio

A renovación dos altofalantes conectados de Google supoñen un cambio máis discreto, por ser o seu predecesor, o Google Home, un produto pouco popular (tendo maior presenza no mercado a súa versión mini). O Nest Adio é un altofalante que busca ofrecer unha boa calidade sonora, especialmente na reprodución musical, que presume de ter un 75% máis de potencia que o Google Home e un 50% máis de intensidade nos baixos, ou sexa, que estamos nunha actualización que supón unha mellora na calidade do son e a adopción dun novo aspecto externo. Sairá á venda o vindeiro 15 de outubro e poderá atoparse na tenda en liña de Google e en tendas como El Corte Inglés, Fnac e MediaMarkt a un prezo de 99,99 euros.

Vídeo promocional do Google Nest Audio

Chromecast con Google TV

Pero a presentación realmente importante da xornada foi a do novo Chromecast, que deixa de ser un receptor parvo de streaming para converterse nun dispositivo con Google TV (plataforma que collerá o relevo de Android TV), de aí que conte cun mando a distancia de seu, converténdose nunha das opcións máis interesantes para dotar a unha pantalla con HDMI con prestacións avanzadas de Smart TV.
O Chromecast con Google TV poderá mercarse a partir do 15 de outubro na tenda en liña de Google, en El Corte Inglés, en Fnac, en MediaMarkt e en Orange, entre outras tendas, a un prezo de 69,99 euros, de xeito que pode verse como un competidor directo do Fire TV Stick 4K de Amazon, que sen ofertas véndese a 59,99 euros, de aí que leve bastante tempo ocupando un espazo que Google deixara libre.
Este novo Chromecast permite acceder a numeroso contidos audiovisual das principais plataformas de vídeo baixo demanda; pode controlarse co mando e incluso integra o Asistente de Google para poder manexalo coa voz; ofrece unha saída de vídeo 4K con HDR de até 60 imaxes por segundo e son Dolby; e incluso está previsto que dentro duns meses poidan funcionar como cliente de Stadia para gozar de xogos na nube.
Tamén conta coa función de Google Cast que caracterizaba aos vellos Chromecast, para amosar os contidos indicados dende aplicación no móbil, na tableta ou no ordenador.
Pese a ser un dispositivo que normalmente conéctase na parte traseira do televisor, véndese en tres cores distintas (branco neve, rosa amencer e azul ceo).

PUBLICIDADE