Google descataloga o Chromecast Audio

venres, 11 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Hai máis de 3 anos en vista do éxito do Chromecast Google decidiu actualizar o produto e lanzar unha variante centrada no son, o Chromecast Audio, que basicamente é un Chromecast que, en vez de contar cunha toma HDMI ten un conector mini-jack, de xeito que pode conectarse á entrada auxiliar dun equipo de son para que poida chegar así ao mesmo música en streaming.
Pese a que esta tecnoloxía é a que en boa medida están a empregar os altofalantes conectados de Google, vese que o Chromecast Audio por si mesmo non goza dunha grande aceptación, e actualmente o produto xa non está dispoñible na tenda en liña de Google en España, e noutros países estaría a acontecer o mesmo, asegurándose incluso que os pedidos realizados no Nadal foron cancelados xa que o produto viña de ser descatalogado, e non recibirían máis unidades.
Dende Google recoñecen ter parado de fabricar o Chromecast Audio e aseguran que continuarán a darlle soporte no futuro. Este movemento de Google é totalmente comprensible, xa que no escenario actual o Chromecast Audio é un produto incompleto, por non estar relacionado co Asistente de Google, á vez que ten un prezo de venda demasiado próximo a dispositivos como o Google Home Mini, de xeito que non resultase moi práctico a compra deste accesorio.

PUBLICIDADE