Google apostará polos temas escuros nas súas aplicacións para mellorar a autonomía dos móbiles

venres, 9 de novembro do 2018 Marcus Fernández

A interface de YouTube co tema escuro supón un considerable aforro enerxético en smartphones con pantallas AMOLED

Un dos elementos que máis afectan ao consumo da batería dos nosos smartphones é a pantalla, pero resulta que este consumo non depende só do brillo da pantalla, senón tamén das cores que se representan, o que constataron dende Google nunha presentación realizada no Android Dev Summit desta semana, amosando datos que incluso debullaron o consumo enerxético de cada cor en pantalla, practicamente para confirmar que a interface que promovían para as aplicacións de Android era un erro, por promover o uso do branco como cor principal para todas as aplicacións e interfaces.
Durante a presentación de Google confirmaron que o cada vez máis empregado Modo Escuro ou Modo Nocturno non só é máis agradable para a vista, senón que tamén teñen un consumo enerxético moi inferior, especialmente en pantallas AMOLED como a do Google Pixel, que co brillo ao máximo na aplicación de Google Maps reduce o seu consumo un 63% entre o modo normal e o modo nocturno.
Estas melloras de consumo tamén se observaron en aplicacións como YouTube cando engadiron a opción de tema escuro á súa interface, polo que Google comprométese a continuar a incorporar esta opción ao resto das súas aplicacións no futuro.

PUBLICIDADE