God of War Ragnarök chegará ao mercado a semana que vén
venres, 4 de novembro do 2022
O
vindeiro mércores sairá á venda o agardado xogo God of War
Ragnarök nas súas versións para PS4 e PS5, no que está considerado como
o derradeiro grande xogo de Sony que mantén un pé na anterior xeración de consolas
PlayStation, aínda que medios especializados xa están advertindo de que, aínda
que o xogo corra sen problemas nunha PlayStation 4, esixe demasiado a tal
máquina, de xeito que durante
as partidas os ventiladores da consola están a plena potencia, o que pode
resultar moi molesto (chegan a recomendar xogar con auriculares para unha
experiencia satisfactoria).
Pese a que o máis recomendable sería gozar deste xogo en PlayStation 5, a
escaseza desta consola provocará que aínda vaia ter unha impresionante base de
xogadores en PS4, que aseguran que poderán gozar dunha experiencia de xogo
digna, ou sexa, que non acontecerá o mesmo que con Cyberpunk 2077,
título que resultaba imposible de xogar en consolas da anterior xeración. Os
meirandes problemas que terán os xogadores de vellas consolas son os elevados
tempos de carga (detalle considerado o mellor avance nas consolas de nova
xeración) e o mencionado ruído que provoca a máquina ao estar sometida ao
grande estrés que supón a carga gráfica de God of War Ragnarök, sacrificios
que moitos xogadores estarán dispostos a facer para gozar do episodio final da
que posiblemente sexa a mellor saga para consolas da anterior xeración.
Nas últimas horas tamén apareceu o lote que permitirá facerse con este xogo
xunto cunha consola PlayStation 5, que pode
reservarse en tendas como Carrefour, e que chega cunha mala nova para a
meirande parte dos seareiros das aventuras de Kratos, xa que para poder mercar
o novo xogo cunha PS5 tamén hai que facerse cun segundo mando DualSense e os
xogos FIFA 23 e The Last of Us
Parte I, polo que o prezo total quedaría en 823,95 euros. Este pack
vese extraordinariamente forzado, xa que para xustificar a obriga de
adquirir un segundo mando (algo que carece de sentido para quen está interesado
en God of War Ragnarök) inclúen o FIFA 23, título dirixido a un
público moi diferente, e co que si podería ter sentido a adquisición dun mando
adicional.