GoPro presenta a súa cámara máis compacta e lixeira: a HERO4 Session

luns, 6 de xullo do 2015 Marcus Fernández

O vindeiro día 12 comezará a chegar as tendas a un prezo de 429,99 euros a nova cámara deportiva GoPro HERO4 Session, que destaca por conseguir reducir considerablemente o seu tamaño e peso, á vez que mantén a compatibilidade co catálogo de accesorios de montaxe de GoPro, facendo aínda máis versátil a captura de imaxes e vídeo.
Concretamente a HERO4 Session é un 50% máis pequena e un 40% máis lixeira que unha HERO4 Black ou Silver, podendo tamén gravar vídeo a 1.080p a 60 imaxes por segundo, a 720p a 100 imaxes por segundo e incluso a 1.440 p a 30 imaxes por segundo, así como disparar fotografías a 8 Mpíxeles en modo simple, refolada ou time lapse.
Estamos ante unha cámara resistente (que incluso pode somerxerse na auga até 10 metros sen precisar dunha carcasa adicional), conta cun sistema de dobre micrófono (que busca funcionar o mellor posible aínda que haxa vento ou esteamos a realizar actividades acuáticas), integra Wi-Fi e Bluetooth (para poder tirar proveito da cámara mediante aplicacións móbiles), emprega tarxetas microSD de até 64 GB e a súa batería de 1.030 mAh achégalle unha autonomía de entre 1:35 e 2:05 horas (en función da resolución de vídeo empregada e do uso que fagamos das funcións de control remoto vía Wi-Fi).
Aparte da edición estándar, GoPro tamén pon á venda unha edición Surf polo mesmo prezo que inclúe o soporte para poder colocalo nunha táboa de surf.


Vídeo de presentación da GoPro HERO4 Session

PUBLICIDADE