GoPro pon á venda unha solución económica para gravar vídeo 3D a 1.080p

luns, 4 de abril do 2011 Marcus Fernández

A gravación de vídeos estereoscópicos en alta definición pode ser algo asumible actualmente grazas a orixinais solucións coma o 3D Hero System de GoPro, que consiste nunha carcasa á venda por 99,99 dólares que permite colocar 2 cámaras compactas de alta definición do mesmo fabricante (que poden adquirirse por a partir de 259,99 dólares cada unha) sincronizadas de xeito que poden xerar vídeo 3D grazas ao software de edición GoPro Cineform Studio para crear pezas que funcionen tanto en televisores 3D como en plataformas como YouTube.
Esta carcasa non só facilita a gravación de vídeo en 3D, senón que tamén fai que as cámaras sexan somerxibles ata a 60 metros de profundidade, polo que estamos ante un equipamento ideal para rexistrar en vídeo actividades deportivas cun realismo impresionante por un gasto total de 619,97 dólares (435,16 euros), converténdose na cámara 3D máis cativa e económica capaz de gravar a 1080p.
As cámaras tamén poden tomar fotografías de 5 Mpíxeles e gravan ata 4,3 horas de vídeo a 1.080p nunha tarxeta de memoria SD de 32 Gb.
Os interesados neste produto poden ler as probas ás que o someteron dende Gizmodo, onde aseguran que a calidade que conseguen os vídeos gravados é bastante boa, aínda que comentan que non é un trebellos doado de utilizar, xa que ao utilizarse dúas cámaras en paralelo, hai que facer moitos dos procesos (como a carga ou a importación de ficheiros) por partida dobre. Recomendan esta solución de GoPro a afeccionados a deportes acuáticos, de motor e de risco en xeral, pois aínda que non estamos ante un produto integral, os resultados conseguidos poden ser realmente espectaculares.


Vídeo de explicación da nova solución de gravación 3D de GoPro

O 3D Hero System é ideal para a gravación de actividades acuáticas en 3D

PUBLICIDADE