GitHub mellora o seu Copilot con GPT-4

mércores, 22 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Microsoft continúa a espallar o uso da tecnoloxía de GPT-4 nos seus produtos e servizos, e agora anuncian que a intelixencia artificial xenerativa de OpenAI está a integrarse no asistente de programación GitHub Copilot, achegando aos desenvolvedores unha experiencia máis personalizada.
GitHub leva un par de anos facendo uso de Copilot para a axilizar a creación de código, e agora teñen unha nova visión desta solución, GitHub Copilot X, que non só supón a actualización ao novo modelo GPT-4, senón que tamén incorpora chat e voz a Copilot.
A grande vantaxe desta tecnoloxía é que está a integrarse en VS Code e Visual Studio, ou sexa, contornos de desenvolvemento de grande uso actualmente, nos que a intelixencia artificial pode resultar moi práctica para completar código, detectar fallos de xeito automático e incluso para poder programar directamente empregando a voz.
A renovación de GitHub Copilot aínda está en probas, pero na súa condición actual xa pode supor unha grande axuda para a creación de código, aínda que o sistema tamén será prudente, de xeito que advertirá aos desenvolvedores cando non realicen probas dabondo (e suxerirá posibles probas a realizar). O usuario sempre ten control sobre as suxestións que realiza Copilot, de xeito que poden editarse, aceptarse ou rexeitarse en función das necesidades do proxecto no que se estea a traballar.
Outra vantaxe moi interesante para os desenvolvedores será GitHub Copilot for Docs, unha ferramenta que permitirá empregar o chat para resolver dúbidas consultando a documentación das tecnoloxías que se estean a empregar (comezando inicialmente coa documentación de React, Azure Docs e MDN).
Para completar a aplicación desta tecnoloxía temos tamén GitHub Copilot CLI, que fará máis doada a formulación de ordes para a liña de comandos.

PUBLICIDADE