Gil Carlos Bernárdez recibirá na Noite das Telecomunicacións o premio Enxeñeiro do Ano

martes, 14 de outubro do 2014 Redacción

JPEG - 121.8 KB
Gil Bernárdez facendo entrega dun Premio EGANET en 2013

O premio Enxeñeiro do Ano 2014 do Colexio Oficial e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (que se vai entregar na XIX Gala das Telecomunicacións de Galicia, que se celebrará o vindeiro 24 de outubro no Gran Hotel da Toxa) recaeu en Gil Carlos Bernárdez Matovelle, pola súa carreira profesional como enxeñeiro de telecomunicación en postos de responsabilidade en destacadas empresas en Galicia e “polo seu alto sentido da profesión, que se traduciu na dedicación plena á Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, da que foi socio fundador e presidente”. Gil Bernárdez, comprometido coa difusión e espallamento das novas tecnoloxías dende a década dos oitenta, estivo á fronte da dita asociación durante seis anos, representando á nosa terra na correspondente plataforma profesional a nivel español.
A súa carreira profesional, ligada a empresas tan salientábeis no noso panorama TIC como Iterdata Networks (consultoría, deseño de software e integración de servizos tecnolóxicos), compleméntase cun importante labor divulgador extra-empresarial, un longo camiño de iniciativas de desenvolvemento e difusión das novas canles e ferramentas en Galicia, iniciativas postas en marcha en cooperación con institucións públicas e organismos.
Con Gil Bernárdez á cabeza da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia leváronse a cabo iniciativas tan innovadoras e pioneiras como o Proxecto Teleconews (un servizo da AETG para levar información TIC de actualidade, mediante correo electrónico, a entidades e profesionais da nosa terra) ou o Observatorio das TIC, creado na década dos noventa para avaliar a situación das novas ferramentas na nosa contorna e potenciar a súa presenza entre o noso tecido produtivo. A maiores, a AETG e o equipo de Gil Bernárdez impulsaron destacábeis achegas formativas ao servizo dos enxeñeiros e dos futuros profesionais, postas en marcha ombro con ombro con diversas actividades educativas (as nosas universidades por exemplo) e centradas en ámbitos como a normativa de infraestruturas de telecomunicacións ou administracións de sistemas de software libre ou software propietario. Lembrar tamén que con Gil Bernárdez consolidouse a gran cita dos nosos profesionais do sector, a Noite Galega das Telecomunicacións, que agora chega á súa edición 19 e que, malia as lóxicas e naturais transformacións acontecidas ao longo das súas case dúas décadas de historia, segue a ser un encontro ineludíbel para as e os representantes do sector galego e estatal das telecomunicacións.

PUBLICIDADE