Gigaset pon á venda os seus primeiros tablets con Android

venres, 29 de novembro do 2013 Marcus Fernández

O Gigaset QV1030 podemos velo como unha alternativa ao iPad Air

A marca claramente recoñecida polos seus teléfonos domésticos sen fíos, Gigaset AG, anunciou estes días a súa entrada no mercado dos tablets, o que fará cun par de dispositivos de elevadas prestacións co sistema operativo Android 4.2.2 e con pantallas de 8 e 10,1 polgadas, aos que se irán engadindo outros modelos durante o ano que vén. O primeiro país no que estarán dispoñibles estes dispositivos é Alemaña.
O tablets máis ambicioso de Gigaset sería o QV1030, que chega cun procesador nVIDIA T40S de catro núcleos a 1,8 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb), pantalla IPS de 10,1 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles (o que supón unha densidade de píxeles superior á da pantalla Retina do iPad Air), cámaras de 8 e 1,2 Mpíxeles, Wi-Fi N de dobre banda, Bluetooth 4.0 LE, altofalantes estéreo, batería de 9.000 mAh (que permitiría navegar pola web ata 10 horas) e un prezo de 369 euros.
Pola súa banda, o Gigaset QV830 confórmase cun procesador Cortex A7 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb), pantalla IPS cunha resolución de 1.204 x 768 píxeles, cámaras de 5 e 1,2 Mpíxeles, Wi-Fi N (dunha banda), Bluetooth 4.0 LE, un altofalante, batería de 3.260 mAh e un prezo de 199 euros.
Sorprende ver como un novo axente atrévese a entrar no mercado cuns prezos que só distan uns 90 euros dos seus equivalentes no catálogo de Apple.

O Gigaset QV830 parece chamado a competir co vello iPad mini

PUBLICIDADE