Gigaset adiántase ao Día da Nai cos aparellos sen fíos SL910 e E500
mércores, 24 de abril do 2013
Gigaset, a marca xermana
de teléfonos, segue coa súa estratexia de arranxarlle o ensarillado
a quen ande á procura do agasallo máis acaído para familiares ou
parella (s) en cadansúa celebración anual. Se hai pouco falamos
dun aparello de seu especialmente indicado para os usuarios
masculinos que, ademais de selo, teñen fillos potencialmente
regaladores de cousas, agora é a quenda da vertente feminina,
con vistas á celebración do primeiro domingo de maio (Día da Nai).
O que nos trae Gigaset, para esta ocasión, son os teléfonos sen
fíos SL910
e E500.
A primeira proposta, informa a empresa, é o primeiro trebello sen
fíos cen por cen táctil do mercado, cun deseño único en cor
branca que achega ademais “un toque de sofisticación ao fogar,
cinguindo deseño e tecnoloxía nun único dispositivo”.
Asemade,
estamos ante un aparello que, polas características da súa
pantalla, pode converterse en marco dixital no que emprazar as fotos
dos familiares mentres o teléfono non se emprega. Entre os seus
moitos puntos fortes, informa Gigaset, inclúese o modo Picture
Clip, que permite asociar unha
imaxe a cada contacto. Ten espazo para 240 imaxes que se ven na máis
alta calidade grazas á súa pantalla de 6,8 cm x 4,5 cm.
Tamén acubilla unha función
específica para aquelas nais que teñen fillos pequerrechos: a
función de vixilancia permite que o teléfono identifique calquera
son estraño e de certo volume que se produza na sala na que se
atopa. O seu prezo de venda é de 162 euros e tamén está dispoñíbel
en negro.
A
segunda proposta é, ante todo, unha proposta práctica, que xunta
ergonomía e funcionalidade, en palabras da casa alemá. O E500
inclúe un deseño extra grande das teclas e da pantalla, co fin de
facilitar a vida doméstica de quen o use, ao que cómpre engadir a
iluminación especialmente brillante e o meirande contraste para ver
mellor os números e as letras. Dispoñíbel en cor prata, o seu
prezo recomendado é de 65,21 euros.