Ghost’n Goblins ofrécese de balde aos subscritores de PS Plus

martes, 25 de maio do 2021 Marcus Fernández

A primeiros de ano Capcom lanzou para Nintendo Swicth o seu xogo Ghost’n Goblins Resurrection (homenaxe aos clásicos Ghost’n Goblins e Ghouls’n Ghosts) e a recompilación de clásicos de recreativa Capcom Arcade Stadium, e agora toca achegar estes títulos ao resto de plataformas, comezando por Capcom Arcade Stadium, que pode adquirirse para Xbox One, Xbox Series X|S, PlayStation 4, PlayStation 5 e PC, en tres lotes de xogos separados ou con todos os xogos xuntos, aínda que no caso das consolas de Sony hai unha peculiaridade especial: o xogo Ghosts’n Goblins pode descargarse de balde por parte dos subscritores de PlayStation Plus.
A través de Capcom Arcade Stadium non só podemos recuperar clásicos de Capcom, senón que estes xogos chegan dun xeito moi especial, acompañados por recreacións das súas máquinas recreativas orixinais, con filtros que permiten simular as vellas pantallas de tubo e con novidades como poder retroceder no xogo, axustar a velocidade ou gardar partidas en calquera momento.

Vídeo promocional do Capcom Arcade Stadium

Ghosts’n Goblins Resurrection

Pola súa banda, Ghosts’n Goblins Resurrection chegará a Xbox One e Xbox Series X|S o 31 de maio e a PlayStation 4 e PC o 1 de xuño, custando 29,99 euros en cada plataforma. Este xogo non só recupera Ghosts’n Goblins con gráficos totalmente renovados mantendo a súa dificultade tradicional, senón que tamén inclúe unha opción inédita na saga: a posibilidade de xogar en modo cooperativo local.

Tráiler de Ghosts’n Goblins Resurrection

PUBLICIDADE