Generalitat, fabricantes e operadores acordan engadir o catalán nos menús dos móbiles

mércores, 14 de febreiro do 2007 Raquel Noya

O departamento de Gobernación da Generalitat mailos principais fabricantes de móbiles (Nokia, Motorola, Grundig e Alcatel), xunto coas operadoras Movistar, Vodafone, Orange e Yoigo, veñen de firmar un convenio encamiñado a consolidar a presenza do catalán no sector da telefonía ó introducilo nos menús dos dispositivos. Os fabricantes de móbiles comprométense á implantación progresiva do catalán como idioma alternativo, antes do 31 de decembro de 2008, nos menús e aplicacións das novas terminais que se comercialicen en Cataluña. Asemade, tamén se comprometen a manter nesa lingua os manuais de usuarios e as guías rápidas en papel e electrónicas.
Pola súa parte, as operadoras comprométense a efectuar campañas específicas para os seus aboados que favorezan a substitución dos antigos terminais por outros que inclúan a lingua catalá.
A Generalitat emprestará apoio institucional a calquera iniciativa, tanto dos operadores coma dos fabricantes, que teñan como finalidade a promoción da lingua e facilitará asesoramento lingüístico na revisión terminolóxica das traducións ás empresas que o soliciten.
Ademais, o operador Orange, un dos principais fabricantes do mundo de PDA, e Microsoft, anunciaron o seu compromiso de traducir tamén o Windows Mobile;
Toda iniciativa é pouca cando se trata de normalizar o catalán, neste caso, no ámbito da telefonía móbil.

PUBLICIDADE