Gato Salvaje presenta o seu novo proxecto: The Waylanders

martes, 13 de marzo do 2018 Marcus Fernández

O estudio coruñés de videoxogos Gato Salvaje presentou esta mañá na sede de Afundación o seu último proxecto en desenvolvemento, así como anunciou os eixes da súa estratexia empresarial, dirixida a dar un salto cualitativo e a servir de tractor do sector de videoxogos en Galicia, en retroceso nos últimos meses, pese a que estamos ante a industria cultural que máis medra a nivel mundial.
Entre as iniciativas do estudio está a creación dunha aceleradora para axudar a que novos proxectos de videoxogos estean máis orientados ao mercado, así como unha editora que facilite o lanzamento dos mesmos. Tamén continuarán o seu traballo de asesoramento en materia de micromecenado, no que teñen bastante experiencia.

The Waylanders

Fernando Prieto confirma en que o traballo de Gato Salvaje sexa tractor do sector dos videoxogos en Galicia

Gato Salvaje Studio está a centrar os seus esforzos actuais na creación de The Waylanders, videoxogo do que comezaron o seu desenvolvemento hai 8 meses (involucrando a 38 profesionais), e que ten programado o seu lanzamento para o primeiro trimestre de 2020, precisando para facelo posible un orzamento próximo aos 2 millóns de euros, de xeito que sería un dos proxectos máis ambiciosos a nivel estatal e para o que prevén contar cun 40% de financiamento público e un 60% privado, segundo comentou Fernando Prieto, produtor executivo quen asegurou que o xogo estará dispoñible tanto en PC como en consolas, aínda que nestas últimas plataformas están a ser prudentes de cara ao inicio do desenvolvemento, por considerar que estamos nun momento demasiado sensible para iniciar traballos, xa que é moi probable que antes de 2020 se produza un cambio de xeración en Xbox e PlayStation, polo que posiblemente traballen coa vista posta na vindeira xeración de consolas. Tamén confirmou que van estar presentes nas principais feiras internacionais (E3, GDC, Gamescom...) para dar a coñecer o seu traballo
The Waylanders será un xogo de rol baseado en lendas e mitoloxías galegas, estando ambientado nas épocas celta e medieval, ao redor do Camiño de Santiago. Será unha historia de fantasía con temática de espada e bruxería, dirixida a un público adulto, que é o maioritario (o 72%) no consumo de videoxogos.
Na presentación do auditorio de Afundación amosaron os primeiros contidos artísticos e técnicos do xogo, así como tamén fixeron unha demostración do sistema de captura de movementos de Xsens, para o que contaron coa participación de Ton Puey, membro fundador da Asociación Galega de Esgrima Clásica, quen vestía un traxe especial equipado con sensores que rexistraban os seus movementos para reflectilos en pantalla en tempo real nun personaxe virtual. Esta tecnoloxía resulta de grande utilidade para rexistrar os movementos dos personaxes que formarán parte do xogo, conseguindo así un grande realismo á hora de presentalos en acción.

Ton Puey demostrou a tecnoloxía de captura de movementos de Xsens que Gato Salvaje está a empregar no desenvolvemento de The Waylanders
Prieto asegurou que The Waylanders involucrará a 38 profesionais no seu desenvolvemento
Gato Salvaje Studio é unha das poucas compañías que está a empregar a tecnoloxía Xsens en España

PUBLICIDADE