Garmin presenta unha especie de Google Glass para ciclistas

martes, 5 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Aproveitando a súa presenza no CES de Las Vegas o fabricante Garmin presenta un novo produto orientado a ciclistas, o Varia Vision, que vén a ser unha solución semellante ás populares lentes Google Glass, xa que pode engancharse ás lentes de sol dos ciclistas para amosarlles información importante (achegada de dispositivos compatibles) como desempeño do adestramento (é compatible con ANT+), navegación GPS e notificacións do móbil. Incluso é posible emparellar as lentes cunha especie de radar traseiro que fai de retrovisor para advertir ao usuario cando se aproxima algún vehículo por detrás sen que teñamos que desviar a vista do que temos diante.
Este interesante accesorio pode empregarse indistintamente co ollo dereito ou co esquerdo, só pesa 29,7 gramos (polo que sería cómodo de levar), a súa autonomía chegaría até as 8 horas e incluso sería resistente á auga, e pese a que practicamente son unhas Google Glass deportivas, o seu prezo dista moito do prototipo de Google, e porase á venda durante este trimestre a un prezo de 399,99 euros.

Vídeo de presentación do Varia Vision

PUBLICIDADE