Garmin anuncia un sistema para proxectar a información do navegador GPS do móbil no parabrisas

luns, 8 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Algúns vehículos de alta gama aproveitan o parabrisas para amosar información do navegador GPS, no que parece unha tendencia que busca evitar a distracción de dirixir a mirada a unha pantalla durante a condución, pero Garmin quere facer que tal luxo poida estar ao alcance de calquera coche, e presenta a súa solución Head-Up Display (HUD) que consiste nun proxector que amosa indicacións nunha película transparente que peguemos no parabrisas e que toma a información a amosar de aplicacións móbiles (como Garmin StreetPilot ou NAVIGON) a través de Bluetooth. O sistema de proxección adáptase á luz ambiental, para funcionar axeitadamente tanto baixo a luz do sol como pola noite.
Esta orixinal solución evita que desviemos a vista da estrada mentres conducimos, á vez que axúdanos a chegar ao noso destino (e outras moitas funcionalidades propias do software de navegación GPS actual). O Garmin HUD continúa a operar aínda que responsamos a unha chamada dende o móbil ou esteamos a reproducir música, e compatible con iOS, Android e Windows Phone 8 e o seu prezo de venda será de 129,99 dólares, agardándose a súa chegada ao mercado este mesmo verán.

PUBLICIDADE