Gameband, o smartwatch para xogadores

xoves, 9 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O emprendedor Feargal Mac Conuladh, quen tras traballar durante bastantes anos en compañías como Apple, Lexmark, Epson e Lenovo participou en varias iniciativas en España, fundou hai uns meses FMTwo Games, compañía con base en California (con parte do seu equipo en Barcelona) que busca facer realidade deseños conceptuais retro como a Gameband, un smartwatch que busca financiamento a través de Kickstarter e que definen como «o primeiro smartwatch para xogadores».
Este produto que xa superou a súa meta de financiamento consiste nun smartwatch con pantalla AMOLED de 1,63 polgadas cunha resolución de 320 x 320 píxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.2 e unha versión adaptada de Android que permitirá correr numerosas aplicacións de produtividade, á vez que tamén será ampliable mediante tarxetas microSD, polo que resultar moi práctico para levar fotografías, música, ficheiros... aos que poderemos acceder mediante USB 3.0 (conta con conector USB-C) ou Bluetooth. O reloxo funcionará cun procesador Qualcomm Snapdragon Wear 2100, 512 MB de RAM, 4 GB de almacenamento interno e batería de 400 mAh.
Entre as tres versións que presenta este reloxo de pulso destaca a Gameband Atari Edition, que presenta a cor vermella característica da clásica marca, e tamén ten unha correa en negro con acabados en vermello que loce o logotipo de compañía de videoxogos. Esta estética tamén casará con xogos clásicos como Pong ou Centipede, que os profesionais de FMTwo Games están a adaptar para o reloxo, de xeito que poderemos levar sempre connosco uns xogos que fixeron historia ao chegar aos salóns domésticos coas primeiras consolas de Atari.
As outras dúas versións do reloxo serán a Gameband Edition (cun discreto deseño en negro con correa de silicona) e a Gameband Terraria Edition, que rende tributo a Terraria, un dos xogos independentes máis populares dos últimos anos, e que inspirará un mini-xogo que irá incluído no reloxo.
Confían en que os reloxos Gameband poidan empregarse para correr aplicacións Android básicas e de produtividade (calendario, axenda, marcador telefónico, alarmas, información meteorolóxica...), reproducir música a través de Bluetooth e correr mini-xogos, contando tamén con numerosas esferas que os usuarios poderán descargar e personalizar.
Neste momento pode apoiarse o proxecto con achegas de 149 dólares (162,73 euros cos gastos de envío incluídos) para recibir algún destes smartwatches a partires do mes de setembro.

Vídeo promocional da campaña de micromecenado de Gameband

PUBLICIDADE