GameStop prepara máis peches de tendas de videoxogos

mércores, 11 de setembro do 2019 Marcus Fernández

As tendas físicas de videoxogos, tras vivir un fenómeno de emerxencia á altura do volume de negocio que move o seu sector, enfrontouse a unha dura crise provocada principalmente polo cambio de hábitos dos consumidores, cada vez máis desprendidos dos soportes físicos e afeitos aos produtos descargables e aos servizos de subscrición, de aí que non sorprenda que, pese a que as tendas de videoxogos non paran de reinventarse (por exemplo, vendendo mercadotecnia), estean destinadas á súa desaparición, ou iso podemos entender dos resultados trimestrais de GameStop, multinacional con máis de 5.700 tendas en 14 países (entre os que xa non figura España), que rexistrou unhas perdas netas de 415,3 millóns de dólares, de aí que estea a anunciar máis medidas de reestruturación do negocio, o que suporá o peche antes de rematar o ano de entre 180 e 200 establecementos comerciais que non conseguen bos resultados.
Espérase que máis adiante haxa moitos máis peches e medidas para paliar a situación crítica da cadea de tendas que non para de atopar dificultades no seu camiño pola supervivencia nun mercado que valora cada vez menos a cara presenza física. De feito, non só rexistraron unha forte caída nas vendas de consolas (pese a que a nova xeración non chegará até a segunda metade do ano que vén), senón que tamén caeron as vendas de xogos novos e de segunda man, así como de accesorios, de xeito que a mercadotecnia parece ser o único departamento que medra, pero nun volume que non é capaz de compensar as perdas do resto.
Aínda que a chegada da vindeira xeración de consolas en 2020 pode ser unha balsa de osíxeno, non podemos ignorar a realidade, e semella que as tendas de videoxogos, tarde ou cedo, van seguir o mesmo camiño de, por exemplo, os establecementos de aluguer de películas de vídeo, pero non simplemente porque os consumidores merquen a través da Internet, senón porque moitos dos títulos aos que dedican moitas horas do seu lecer son xogos en liña (como Fortnite) nos que as tendas físicas son intermediarios artificiais (en boa medida por cortesía das distribuidoras de videoxogos, que queren contribuír a manter o maior número de canles de distribución para chegar dun xeito doado ao maior público posible).

Nos últimos anos as tendas de videoxogos experimentaron unha caída nas vendas de xogos e unha maior demanda de mercadotecnia (xa os produtos físicos non poden descargarse da Rede)

PUBLICIDADE