Galiza ocupa a nivel estatal o cuarto lugar en presenza de empresas de software libre

luns, 10 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

En cuestión de presenza no tecido empresarial de iniciativas vinculadas ó código aberto, Galiza segue a ocupar o mesmo posto a nivel estatal ca no ano pasado: o cuarto. Así o podemos ver estes días na actualización dos datos do Libro Branco do Software Libre a través dunha gráfica que distribúe ás empresas rexistradas no directorio segundo a súa procedencia, abranguendo a nosa terra o 7,31% do total. En primeiro lugar seguen, un ano máis, Madrid e Catalunya, con preto do 20% das iniciativas privadas de informática en aberto, seguidas de Andalucía cun 11%. Tralo bo posto acadado por Galiza figuran Euskadi e Valencia.
Na imaxe, un dos grandes gurús do código aberto, Richard Stallman, no castro de Santa Tegra, visto en Vieiros.
As razóns desta relativamente boa clasificación das empresas da nosa terra son moitas e variadas, pero é moi posible que teñan que ver coa necesidade de achar máis e mellores nichos de mercado lonxe da presión das grandes multinacionais (que son as que operan sobre todo nas capitais) e co bo labor de difusión das vantaxes deste tipo de programas de código aberto levada a cabo polos colectivos de usuarios e deseñadores de software libre en Galiza, ben por separado ou ben agrupados en mancomun.org.
Amais diso, a cultura do open source está a ser reforzada por entidades de recente creación como Agasol, a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, ou coa posta en marcha de actividades formativas como o Master de Caixanova.
Cómpre subliñar que o Libro Branco do Sotfware Libre é unha exhaustiva guía para coñecer de primeira man o estado do open source en España, engadindo datos de interese sobre movemento empresarial ou agrupacións de usuarios, e todo clasificado por comunidades.

PUBLICIDADE